27 de septiembre de 2011

Como Esmeralda...

Hoxe levanteime case que a mesma hora que cada día pero non fun ao colexio, fun á manifestación por un ensino público e de calidade.
Xa sei que traballei no ensino privado e non vexo tan mal que esta modalidade de ensino exista, ten que haber de todo, eu que sei. Aínda hai cousas peores que non me gustan e… aí están. O que non concibo é que as institucións públicas teñan que sufrir recortes presupostarios e que eses cartos se leven para a saca dos centros privados, eso non me cabe na cabeza, nin nas pernas, nin no corazón... Iso non o podo aturar.
Tampouco soporto a idea de que a opinión pública ignore o noso pesar, non. Os mestres e mestras e tamén os profesores e profesoras que hoxe estábamos en Santiago precisamos enviar unha mensaxe urxente; é preciso que a cidadanía nos escoite e teña en conta as nosas reivindicacións.
A xente da rúa, os meus vecinos e veciñas, a xente coa que coincido polo parque ou no mercado pensan que os docentes estamos molestos por ter que traballar 2 horas máis. Muller! Onde se vai ver que xente profesional saia ás rúas para protestar por unha subida de 2 horas á semana… Iso non ten pés nin cabeza, acaso non pensaron que tanta xente non pode protestar por semellante cousa e máis cando ao noso arredor se está sufrindo unha situación de desemprego como nunca!!!?????
Meu deus! Se souperan… os nosos gritos desesperantes son por moitos máis motivos que permanecer no centro 5 horas (que non 2) máis a semana e perder dos nosos dereitos adquiridos dende hai máis de 4 anos e despois de décadas de loita. Estamos molestos por ter que facer quendas de guardiáns dos nenos e nenas que utilizan o servizo de autobús, cousa que non está na nosa obriga de mestres, por ter que seguir asumindo quefaceres burocráticos que máis teñen que ver con actividades administrativas que non docentes, que impartir especialidades que non son nosas, itinerar en postos que antes non era preciso, ver reducido o número de mestres por centro, que non se contraten substitucións de todas as baixas, que as partidas presupuestarias non cheguen e que os cartos que merecen inversión para ensino de calidade dos nosos nenos e nenas marchen para colexios de elite.
Onde vai estar entón o ensino de calidade con tanto recorte??? O noso ensino xa estaba recortado, agora vai quedar en nada! Cando se recuperará desta … miseria???
Pois iso, que eu quero traballar 2 e todas as que faga falla polo meu traballo, de feito non miro o reloxo medindo as horas de adicación ao día que boto investigando, buscando información, facendo actividades adaptadas ao meu alumnado, correxindo, facendo formularios, programacións, pasando notas, cubrindo informes... 
Eu me sinto orgullosa e feliz o meu traballo e o que non quero é perder os meus dereitos que moito sacrificio lles custou aos meus mestres e mestras conseguilos.
Notas:

 Aviso para a muller que gritaba no balcón: “Con estes profesores imos de cu”; señora, lémbrame vostede á nai de Esmeralda, a da historia do Tolleito de Notre Damme, cando a punto de executar á xitana lle berra que se aleda do seu destino final pois unha muller da súa raza lle roubou á súa filla cando era cativa e nese momento … cae na conta que é ela a meniña que tanto tempo leva estrañando... 
 Outro para Samanta: vén facer unha desas reportaxes de 21 días con nós!
 E finalmente, para todos os compañeiros e todas as compañeiras que saudei hoxe: alédome moito de veros!

Río por non chorar… 

1 comentario: